Accesibilidade do proceso electoral

Apoio a persoas con discapacidade intelectual

Estas pautas para tratar adecuadamente as persoas con discapacidade intelectual nos procesos electorais foron elaboradas polo Centro Español de Accesibilidade Cognitiva do Real Padroado sobre Discapacidade.

Para que o procedemento de votación sexa accesible para as persoas con discapacidade intelectual é recomendable seguir estas medidas.

Comprobe que o colexio electoral dispón de sinais que ofrezan apoio cognitivo e tamén que haxa información fácil de ler, xa que isto facilitará o proceso ás persoas con discapacidade intelectual e ás persoas con dificultades cognitivas en xeral. No caso de haber información fácil de ler, asegúrese de que sexa visible para que, quen a necesite, poida utilizala.

Lembre que non todas as persoas con discapacidade intelectual teñen trazos que as identifiquen como tal, polo que é importante prestar atención ao comportamento, por se puidese vostede encontrarse perante unha caso de persoa con discapacidade intelectual.

Nestes casos, é posible que á persoa lle resulte máis difícil expresarse, presente un pensamento máis lento, lle sexa máis complicado executar accións ou poida dar a sensación de estar confusa.

Se for o caso, déalle tempo suficiente para que poida actuar sen nervios e con seguridade. Non faga xestos nin utilice a linguaxe verbal para apresurala.

No caso de que a persoa lle faga unha pregunta, responda cun ton calmo, tranquilo e utilice unha linguaxe sinxela e clara. Procure asegurarse de que a persoa entendeu as súas indicacións.

No caso de que a persoa se presente a votar sen o DNI ou algún outro documento, reclámello con tranquilidade e explíquelle ben que é o que lle fai falta.

No caso de que a persoa con discapacidade intelectual non atope a súa mesa electoral, ou se ten problemas coa listaxe do censo ou para utilizar a cabina, procure axudala sen invadir a súa intimidade. No caso de que a persoa necesite apoio para localizar un lugar concreto do colexio electoral, procure acompañala ou procure alguén que poida facelo, para que a persoa con discapacidade intelectual non se poña nerviosa nin se perda.

Se vostede identifica que se trata dunha persoa con discapacidade intelectual, non se adiante ofrecéndolle apoios que talvez non necesite. Agarde a que a persoa exprese as súas demandas ou dúbidas antes de atendela.

Non cuestione o seu dereito ao voto simplemente porque teña unha discapacidade intelectual.

Pense que pode ofrecer estes apoios cognitivos, non só a persoas con discapacidade intelectual, mais tamén a persoas maiores, a migrantes que non coñezan ben a nosa lingua ou a calquera persoa nun momento de nerviosismo.

Consellos para Interventores e Apoderados


Carteis accesibles

Como consecuencia do convenio asinado en 2021 entre o Ministerio do Interior(Abrirase unha nova xanela) e Plena Inclusión España, nas pasadas eleccións de maio de 2023 púxose en funcionamento un proxecto piloto polo que se distribuíron carteis destinados a facilitar a accesibilidade cognitiva (persoas con discapacidade intelectual, persoas maiores) nos recintos electorais da cidade de Madrid, e que contou tamén coa colaboración da Delegación do Goberno en Madrid. Este proxecto, que se mantén para as eleccións do 23 de xullo, consta dun total de sete pictogramas que, deseñados por Plena Inclusión, facilitan o acceso e o desprazamento polo lugar de votación. Está previsto que, para futuras convocatorias, este proxecto se amplíe a outras cidades. Velaquí están os modelos de carteis e a guía para a súa sinalización: