As persoas interesadas en solicitar o procedemento de votación accesible dispoñen dun prazo de 27 días (do 30 de maio ao 26 de xuño, incluídos) para solicitalo no teléfono 900.150.000, en horario de luns a venres de 9:00 a 17:30 horas e sábados de 9:00 a 14:00 horas.
As persoas con discapacidade visual que coñezan o sistema de lecto-escritura braille e teñan recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33 por cento ou sexan afiliados á ONCE poderán solicitar o kit de votación accesible ao Ministerio do Interior.
O procedemento de voto accesible consiste nun kit/maletín que se entrega na Mesa electoral o día da votación e que inclúe documentación complementaria en braille que lles permite seleccionar de forma autónoma a papeleta coa súa opción de voto.
Este kit inclúe: papeletas e sobres de votación normalizados (é dicir, sobres e papeletas idénticos aos utilizados por outros electores) e unha documentación complementaria en braille (guía explicativa en braille, adhesivos en braille e tintas que identifican contidos)
A. Preparación do voto
Unha vez entregado o kit de votación accesible, o votante pode solicitar que os membros da Mesa electoral lle faciliten o acceso a un espazo, situado o máis próximo posible da Mesa electoral, para manexar alí a documentación contida no kit de votación accesible con garantías de privacidade. Tamén pode levarse o kit de votación accesible fóra do local electoral e volver máis tarde para emitir o voto.
Para as Eleccións ao Senado, debe marcar a súa opción de voto cun bolígrafo ou lapis nas caixas do modelo en braille dentro do que está a papeleta do Senado. Neste modelo, cada candidatura está identificada cun número. Localizado ese número na listaxe en braille de candidaturas, poderá coñecer así a denominación da candidatura, así como os nomes dos candidatos e candidatas ao Senado correspondentes a esa candidatura. Unha vez seleccionados os candidatos aos que desexa conceder o seu voto, deberase extraer a papeleta estándar do modelo e introducila no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Senado”.
No caso da Elección ao Congreso dos Deputados, debe abrir o sobre grande que indica en braille “Eleccións ao Congreso dos Deputados” e seleccionar, de entre os sobres pequenos que hai dentro, o que lle indique en braille que contén a papeleta correspondente á candidatura á que desexa outorgar o seu voto, retirando esa papeleta e introducíndoa no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Congreso dos Deputados”
B. Votación
A continuación, debes acudir a votar á Mesa electoral onde deberá identificarse e entregar o seu voto.
C. Material sobrante
Despois da votación, recoméndase ao elector ou electora que leve consigo o kit de votación accesible, xunto con todo o material sobrante, coa fin de garantir o segredo do voto emitido.