As persoas designadas para ser parte da Mesa para as eleccións do 23 de xullo deberán cumprir coas súas obrigas o día da votación, con independencia da xornada de traballo do día anterior.
Os traballadores por conta allea e os funcionarios nomeados como persoas que integran a mesa teñen dereito a un permiso retribuído da xornada completa durante o día da votación, se é laborable. En todo caso teñen dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.
Para facilitar o cumprimento dos deberes das persoas que conforman a Mesa electoral, a quenda de noite que comeza o día 23 de xullo será computada como xornada laboral do día electoral e o dereito de redución de 5 horas da xornada de traballo pode exercerse na quenda de noite seguinte do traballador, sempre e cando esta quenda se inicie o día inmediatamente posterior ao das eleccións do 23 de xullo.
As persoas que integran as Mesas electorais cobrarán unha dieta de 70€.
Se algún dos suplentes ten que desenvolver a función por ausencia do titular, terá dereito ao permiso retribuído e á redución de xornada, así como á dieta. Non procederá a concesión dos referidos dereitos se o suplente non chega a ocupar o seu posto na Mesa electoral.