Toda persoa poderá exercer o seu dereito de sufraxio activo, consciente, libre e voluntariamente, calquera que sexa a súa forma de comunicalo e cos medios de apoio que requira (artigo 3.2. da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral)
A Administración debe celar polo respecto ao dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade no acceso aos locais e ás Mesas electorais, e pola súa non discriminación (artigo 2 do Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais).
A accesibilidade dos procesos electorais ten dúas vertentes: accesibilidade para as persoas que acoden ao local electoral a votar e accesibilidade para as persoas designadas para formaren parte das Mesas electorais.
Os locais e as Mesas electorais deberán de ser accesibles.
As persoas que integran as Mesas electorais celarán por que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu dereito de voto coa maior autonomía adoptando para iso os axustes razoables que se entendan necesarios.
Nos procesos electorais cuxa xestión sexa competencia da Administración Xeral do Estado e se constate a ausencia de transporte público accesible ao local electoral, a Administración Xeral do Estado proporcionará os medios de transporte gratuítos adecuados para as persoas con discapacidade motriz que o solicitaren, sempre e cando existan dispoñibilidades orzamentarias. Para o efecto, pódese contactar coa Xunta Electoral de Zona competente ou, directamente, coa Delegación ou Subdelegación do Goberno correspondente.
Calquera queixa ou solicitude sobre accesibilidade, durante o período electoral, pódese enviar á Xunta Electoral de Zona competente.
Considérase como escusa suficiente que exime da obriga de formar parte dunha Mesa electoral a situación de discapacidade, declarada de acordo co artigo 4 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
A presentación polo interesado da declaración de discapacidade, calquera que sexa o grao da mesma, bastará para que sexa aceptada a escusa pola Xunta Electoral de Zona, sen que se entenda necesario achegar certificado médico no que se detallen as limitacións que impidan ou dificulten o desempeño das funcións de membro dunha Mesa Electoral (Instrución 6/2011, de 28 de abril, da Xunta Electoral Central)
Se non quixesen facer uso deste dereito, a Administración ofrece servizos gratuítos para persoas xordas ou con discapacidade auditiva designadas para formaren parte da Mesa electoral:
1. Servizo gratuíto de interpretación de lingua de signos tanto para titulares, coma para suplentes (xa sexa de lingua de signos española ou, de ser o caso, das linguas de signos propias das comunidades autónomas).
Estas persoas poderán solicitar á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días desde a notificación do seu nomeamento, o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos.
A Xunta Electoral de Zona porá en coñecemento da correspondente Delegación/ Subdelegación do Goberno os supostos nos que resolvese que se debe proporcionar o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos.
A Subdelegación do Goberno correspondente comunicará estes casos ao Ministerio do Interior, a quen corresponde a coordinación dos procesos electorais de ámbito estatal, e, de xeito simultáneo, porase en coñecemento da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE)
2. Servizo gratuíto de bucle de indución magnética para persoas xordas ou con discapacidade auditiva (usuarias de próteses auditivas, tanto titulares, coma suplentes).
Estas persoas poderán solicitarlle á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días desde a notificación do seu nomeamento, o servizo gratuíto de bucle de indución magnética.
A Xunta Electoral de Zona porá en coñecemento da correspondente Delegación / Subdelegación do Goberno os supostos nos que teña resolvido que se debe proporcionar o citado servizo gratuíto, e esta comunicará os casos ao Ministerio do Interior e á Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (FIAPAS) para dotar a estas persoas do servizo solicitado.
3. Tamén, no caso de persoas cegas ou con discapacidade visual grave
A Administración porá á súa disposición as ferramentas e mecanismos necesarios para que estas persoas poidan exercer as súas funcións. Do mesmo xeito, a Xunta Electoral de Zona determinará os medios necesarios para que poidan exercer as súas funcións coa debida autonomía.
A solicitude de voto por correo, no caso de que un elector ou electora non poida presentar a devandita solicitude de maneira persoal na Oficina de Correos por mor dunha doenza ou discapacidade (que se deberá acreditar por medio de certificación médica oficial e gratuíta) poderá efectuala no seu nome outra persoa autorizada, notarial ou consularmente, mediante documento que se facilitará individualmente en relación con cada elector ou electora e sen que no mesmo se poidan incluír varios electores ou electoras, nin unha mesma persoa represente máis dun elector ou electora.
A Xunta Electoral competente comprobará en cada caso a concorrencia destas circunstancias.
O procedemento é como segue:
As persoas interesadas deben pórse en contacto cun notario que actuará, de forma gratuíto (Consello Xeral do Notariado) e entregaranlle o certificado médico oficial e gratuíto ao que se refire o artigo 72.c) da LOREG.
O Notario achegarase ao domicilio do elector ou da electora, ben sexa un hospital, unha residencia de maiores ou o fogar dun familiar. Posteriormente, seguirase o mesmo procedemento que para o voto por correo ordinario.
Isto é: A persoa que o/a representa poderá ir —dentro do prazo de solicitude do voto por correo: do 30 de maio ata o 13 de xullo— persoalmente, co seu DNI e o poder notarial, a calquera Oficina de Correos e solicitará o impreso para votar por correo.
Os servizos de Correos remitirán toda a documentación á Oficina do Censo Electoral, que anota nas Listas do Censo que se solicitou votar por correo -de xeito que XA NON PODERÁ VOTAR PERSOALMENTE- e envía a seguinte documentación á persoa apoderada por correo certificado, ao enderezo que se lle indicara ou, no seu defecto, ao que figure no Censo:
Papeletas e sobres de votación
o certificado de inscrición no censo electoral;
un sobre no que figurará o enderezo da Mesa onde lle correspondería votar;
unha folla explicativa.
Esta documentación tamén a debe recoller de forma presencial a persoa que o/a representa, previa acreditación da súa identidade. Se non estivese no seu domicilio, terá que ir persoalmente a recollela á Oficina de Correos correspondente.
1. Actúe con naturalidade e respecto.
As persoas con discapacidade son persoas autónomas e independentes e deben de ser tratadas como tales.
Non se deberá de prexulgar que unha persoa, polo simple feito de ter unha discapacidade, precise de axuda. Se a contorna é accesible, as persoas con discapacidade adoitan manexarse sen dificultade.
Guíese, en todo caso, polo sentido común e polo principio de igualdade e non discriminación.
2. Pregunte antes de axudar.
Pregunte se é necesaria a súa axuda só se o elector ou a electora con discapacidade semellan precisar dela. E se a persoa a acepta, antes de actuar, pregúntelle de que modo concreto pode vostede axudalo.
Diríxase directamente á persoa con discapacidade, non a quen a acompañe (ex. persoa da súa confianza, intérprete de lingua de signos, etc.), de ser o caso.
3. Utilice o sentido común.
Por exemplo, parta da idea de que unha persoa en cadeira de rodas é unha persoa sentada, e perante unha persoa sentada o habitual é agacharse para estar á altura dela, ou sentar nunha cadeira en fronte dela.
Se perante unha incidencia concreta comunicada por unha persoa con discapacidade non sabe como actuar, contacte co Responsable da Administración do local electoral ou coa Xunta Electoral de Zona.
Se se forma unha fila á hora de votar recoméndase que as persoas con discapacidade teñan preferencia para emitiren o seu voto.
Os cans-guía e os cans de asistencia para persoas con discapacidade, serán sempre admitidos, non poderán ser separados da persoa que precisa deles, e non serán molestados, nin distraídos.
4. Sexa prudente co contacto físico.
Algunhas persoas con discapacidade dependen dos seus brazos para manteren o equilibrio. Tomalas polo brazo, mesmo se a súa intención é axudar, podería facer que perdan o equilibrio, ou asustalas, porque non agardaban ese contacto.
Evite tocar as cadeiras de rodas ou, de ser o caso, o bastón: as persoas con discapacidade consideran que estes elementos son parte do seu espazo persoal.
5. O acceso ao local electoral e o itinerario ata a Mesa electoral: acompañamento e información.
A pedido dos electores e as electoras con discapacidade, só cando o soliciten, na entrada do local electoral, o representante da Administración ou as Forzas e Corpos de Seguridade poderán acompañalos no itinerario ata a Mesa electoral correspondente, sen empurrar ou tocar, no seu caso, a cadeira de rodas a menos que a persoa con discapacidade o solicite.
Se se trata dunha persoa con discapacidade visual, pódeselle ofrecer que se suxeite ao noso brazo. Neste caso, adaptaremos o noso paso ao da persoa con discapacidade visual e tendo en conta as características do medio polo que nos despracemos, para que camiñe comodamente.
Para atender as eventuais demandas de información, e orientación, formuladas polas persoas con discapacidade, tanto sobre o acceso ao local electoral como sobre o desprazamento polo interior do local electoral para chegar ata a mesa electoral, deberán de se ter en conta as pautas especificadas no seguinte apartado.
6. Pautas para facilitar a comunicación: comuníquese con claridade.
En relación coas persoas xordas, ou con discapacidade auditiva, é recomendable: falar de fronte, non mover a cabeza, evitar falarlles cando esteamos de costas, agachados ou escribindo, non berrar, vocalizar de forma normal, é dicir, falarlles co ritmo normal de calquera conversa sen ter obxectos na boca, nin obstaculizando a visión clara do rostro e, se fose preciso, pode botar man da escritura, de xestos naturais ou chamar a atención cun lixeiro contacto no brazo; o lugar debe dispor de boa iluminación e a persoa xorda ou con discapacidade auditiva non deberá de estar de fronte ao sol, a contraluz dificulta a visibilidade do rostro.
Non se comunique con palabras soltas, pode inducir a erro. As persoas xordas precisan do contido íntegro dunha frase para comprenderen o contexto.
Cando a interacción sexa cunha persoas con discapacidade visual, evite o uso de indicacións xenéricas como “aquí”, “alí”, “isto”… nestes casos, é preferible botar man de expresións máis orientativas, como: “á súa esquerda”, “detrás de vostede”. No caso de que se desexe dar información sobre un obxecto, pódese conducir, previo aviso, a man da persoa con discapacidade visual cara ao obxecto sobre o que lle está a dar información, e indicarlle de que se trata.
Se estivermos a falar cunha persoa con discapacidade visual, avisarémola se nos ausentarmos xa que, do contrario, pode seguir dirixíndose a nós pensando que aínda permanecemos ao seu carón. Do mesmo modo, se regresamos, convén indicarllo.
Verifique que a persoa con discapacidade comprendeu o que trata de lle comunicar.
7. Persoas con discapacidade que forman parte da Mesa electoral.
Como se sinalou anteriormente, é posible que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva (usuaria de lingua de signos) teña sido designada para formar parte da Mesa electoral. Para iso, pode contar cun servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos, previa solicitude á Xunta electoral competente, seguindo o procedemento descrito no apartado correspondente desta guía.
Igualmente, no caso de que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva se comunique por lingua oral, teranse en conta as pautas de comunicación sinaladas no apartado 6. É posible que unha persoa que forme parte da Mesa electoral utilice un medio de apoio á comunicación oral: o bucle de indución magnética. É un “produto de apoio”, un dispositivo do tamaño dun folio que só precisa de se conectar á rede eléctrica.
Artigos 3, 72 c) e 87 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral (LOREG).
Artigos 1 e 8 do Real Decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.
Real Decreto 422/2011, do 25 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais.
Real Decreto 1612/2007, do 7 de decembro, polo que se regula o procedemento de voto accesible que lles facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio.
ORDE INT/3817/2007, do 21 de decembro, pola que se desenvolve o procedemento de voto accesible que lles facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio, regulado no Real Decreto 1612/2007, do 7 de decembro.
INSTRUCIÓN JEC 7/2019, do 18 de marzo, que dá nova redacción á Instrución 5/2019, sobre aplicación da modificación da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral levada a cabo pola Lei Orgánica 2/2018, do 5 de decembro, para garantir o dereito de sufraxio de todas as persoas con discapacidade.
Máis información: