Amplíase o prazo para depositar o voto por correo do persoal militar embarcado ata o 20 de xullo, sempre que o depósito dos envíos se realice antes das 14 horas na oficina principal de Correos en Madrid (oficina de Cibeles)
O persoal dos buques da Armada, mariña mercante ou frota pesqueira de altura, abandeirados en España, que teña que permanecer embarcado dende a convocatoria das eleccións ata a súa celebración e que durante dito período toque portos, previamente coñecidos, no territorio nacional, poderá exercitar o seu dereito ao sufraxio da forma seguinte:
A través do servizo de radiotelegrafía, correo electrónico, fax ou por calquera outro medio que se poida habilitar para estes efectos, poderase solicitar da Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral onde o estea inscrito, o certificado de inscrición no censo.
Na mensaxe faranse constar os seguintes datos:
Nome e dous apelidos da persoa interesada.
Número do documento nacional de identidade ou número de tarxeta de estranxeiro.
Data, provincia e municipio de nacemento.
Concello de residencia no que figure no Censo Electoral.
Nome do buque no que se encontra a persoa embarcada.
Porto ou portos en que teña prevista a súa arribada o buque, con indicación das datas concretas en que esta se produza.
No caso de que poida recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase na radiomensaxe o armador, consignatario ou buque onde debe ser enviada. Para os efectos de solicitude do voto por correo, os servizos de radiotelegrafía dos buques terán a consideración de dependencias delegadas do Servizo de Correos e os Comandantes e Capitáns ou o Oficial no que expresamente deleguen a de persoal encargado da recepción da solicitude.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición da persoa interesada, considerará para todos os efectos como recibida a solicitude e procederá a remitir a documentación pertinente ao porto ou, se for o caso, armador, consignatario ou buque do que xa designase o nome.
Recibida pola persoa interesada a documentación, procederá a remitir por correo certificado e urxente, desde calquera dos portos no que o buque atraque, a documentación electoral, á Mesa electoral en que lle corresponda votar.
Para o exercicio do dereito do voto por correo do persoal das Forzas Armadas destacado fóra do territorio nacional, en operacións relacionadas coa seguridade e defensa de España e dos seus aliados, no marco de organizacións internacionais das que España forme parte, así como para contribuír ao mantemento da paz, a estabilidade e seguridade e apoiar a axuda humanitaria, dende a data da publicación da convocatoria e ata a súa celebración seguirá o seguinte procedemento:
O Comandante do buque ou o Xefe da Unidade remitirá a relación do persoal que desexa exercer o seu dereito de sufraxio ao Director Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a través do xefe do Estado Maior da Defensa e dos Xefes de Estado Maior dos Exércitos e a Armada.
Por cada solicitante farase constar:
Nome e dous apelidos.
Número do documento nacional de identidade.
Data, municipio e provincia de nacemento.
Municipio de residencia no que está incluído no censo electoral.
O Director Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a partir da data da publicación da convocatoria no boletín oficial correspondente e antes do décimo día anterior ao da votación, dará traslado desta relación á Oficina do Censo Electoral que as remitirá ás súas correspondentes Delegacións Provinciais.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición do interesado, considerará a todos os efectos como recibida e procederá a remitir a documentación correspondente á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa para que, polo procedemento máis urxente posible, a faga chegar ao destinatario.
O elector procederá a exercer o seu dereito ao voto unha vez recibida a documentación á que fai referencia o punto anterior. Dos votos emitidos farase cargo o Comandante do buque ou Xefe da Unidade, que os custodiará, garantindo a súa seguridade, integridade e secreto, ata que sexan recollidos polo encargado do seu transporte a territorio nacional. A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa fará chegar os votos recibidos á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, antes do segundo día previo ao da celebración das eleccións, quen os remitirá con carácter urxente á Mesa electoral correspondente.
Os internos de Centros Penitenciarios que non estean privados do dereito de sufraxio, votan por correo, seguindo o seguinte procedemento:
Nos Centros Penitenciarios exporanse ante a poboación interna as normas electorais que regulamentan o voto por correo, e organizaranse sesións informativas de explicación e aclaración do procedemento de votación.
Para isto, o Director de cada Centro Penitenciario –ou a persoa a quen este delegue- solicitará nos tres primeiros días dende a publicación da convocatoria á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, que un empregado deste servizo se desprace nunha data determinada ao Centro, cos impresos de solicitude de certificado para o voto por correo que puidesen ser necesarios para que, alí mesmo, sexan cubertos polos internos que queiran exercer o seu dereito ao voto.
Se algún dos reclusos carecese de DNI, bastará co Documento de Identidade Interior que teñen todos os internos sempre e cando nel apareza a fotografía do titular.
A Oficina do Censo Electoral deberá remitir ao Centro Penitenciario no que se atope o recluso, sobres e papeletas suficientes que lle serán entregadas persoalmente polo empregado de Correos ao elector.
O elector elixirá a papeleta correspondente, introduciraa no sobre (ou non incluirá papeleta ningunha se o que desexa é votar en branco), e este noutro sobre que irá dirixido á Mesa electoral correspondente.
O empregado de Correos fará chegar estes sobres ás correspondentes Mesas electorais o día da votación