Unha vez termina a votación, comeza o escrutinio nas Mesas.
O escrutinio realízase extraendo o Presidente ou Presidenta, un a un, os sobres da urna correspondente e lendo en voz alta a denominación da candidatura ou, no seu caso, o nome dos candidatos ou candidatas votados. O Presidente ensinará cada papeleta, unha vez lida, aos vogais, interventores, interventoras, apoderados e apoderadas.
Segundo establece a normativa, en primeiro lugar efectúase o escrutinio correspondente ás eleccións ao Congreso dos Deputados e en segundo lugar, o das eleccións ao Senado.
Terminado o reconto, resolveranse por maioría as posibles dúbidas e/ou protestas que puidese haber. Posteriormente, a Presidencia anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de electores e electoras censados, o de certificacións censuais achegadas, o número de papeletas nulas, o de votos en branco e o dos votos obtidos por cada candidatura, candidato ou candidata.
A Mesa fai públicos os resultados por medio dunha acta de escrutinio, da que dará unha copia á persoa representante da Administración e aos representantes de cada candidatura, aos interventores e interventoras, apoderados e apoderadas, e candidatos e candidatas que a soliciten.
Os resultados coñécense tan rapidamente porque existe un complexo e avanzado procedemento de transmisión da información.
En cada Mesa electoral existe unha persoa representante da Administración que, unha vez concluído o escrutinio, recibe da Presidencia da Mesa unha copia da acta de escrutinio cos resultados desa Mesa e transmíteos ao centro de totalización de datos do Ministerio do Interior.
Antes de proceder ao escrutinio definitivo, a Xunta Electoral competente constitúese en Mesa para proceder ao reconto de votos dos residentes ausentes. Ás oito da mañá, cos interventores e interventoras que designen as candidaturas concorrentes, a Presidencia procede a introducir na urna os sobres de votación das persoas residentes ausentes recibidos ata ese mesmo día e o Secretario anota os nomes de cada votante na listaxe. Acto seguido a Xunta escruta os votos e incorpora os resultados ao escrutinio definitivo.
O escrutinio xeral ou definitivo (art. 103 e ss. LOREG) realízase o terceiro día seguinte ao da votación pola Xunta Electoral que corresponda. É un acto único e ten carácter público.
A Presidencia estende a acta de constitución da Xunta e asínaa, así como tamén a asinan os e as Vogais e o Secretario ou Secretaria e as persoas nomeadas como representantes e apoderados ou apoderadas das candidaturas debidamente acreditados.
A sesión de escrutinio iníciase lendo o Secretario ou Secretaria as disposicións legais. A continuación procédese á apertura dos sobres (o sobre número 1 coa documentación electoral correspondente a cada Mesa) que se entregaron, o día das eleccións, nos Xulgados.
O Secretario ou Secretaria dará conta dos resumos de votación de cada Mesa. Durante o escrutinio a Xunta non pode anular ningunha acta nin voto, limítase a verificar o reconto e a suma dos votos nas correspondentes Mesas segundo as actas ou as copias das actas das Mesas. Se existise erro material ou de feito, ou aritmético, procederase á súa corrección.
O acto de escrutinio non debe interromperse e deberá concluír non máis tarde do sexto día posterior ao das eleccións.