Exterior do local Os locais electorais onde transcorra o acto de votación deberán reunir as condicións necesarias para iso.
Serán preferentemente de titularidade pública e deberán ser accesibles para as persoas con discapacidade.
Naqueles lugares onde exerzan o seu dereito ao voto as persoas cegas ou con discapacidade visual que solicitasen utilizar o procedemento de votación accesible, deberá existir un espazo específico, accesible e axeitado que garanta a privacidade do elector e que estea situado o máis preto posible da mesa na que corresponda exercer o seu dereito a voto
O local electoral deberá contar coas condicións adecuadas para o decurso da votación. Debe haber mesas e cadeiras suficientes para os membros da mesa, iluminación adecuada, material de escritorio e letreiros de sinalización.
Permanecerá aberto de forma ininterrompida entre as 9:00 e as 20:00 horas.
Presidente ou presidenta e vogais
Durante toda a xornada electoral, a mesa deberá de contar coa presenza, cando menos, de dous dos seus compoñentes.
O presidente ou presidenta deberá posuír o título de Bacharelato, FP ou Graduado Escolar. É a máxima autoridade dentro do recinto electoral. Pode solicitar axuda ás forzas e corpos de seguridade.
O presidente ou presidenta e os vogais son designados por sorteo público entre todas as persoas censadas na sección correspondente, menores de 70 anos e que saiban ler e escribir.
Os cargos de presidente ou presidenta e vogal son obrigatorios, aínda que a partir dos 65 anos poderán manifestar a súa renuncia no prazo de sete días desde o seu nomeamento.
Teñen dereito a unha redución de 5 horas da súa xornada laboral ao día seguinte das eleccións.
Reciben unha dieta de 65 euros.
Están protexidos pola Seguridade Social durante toda a xornada.
Interventores ou interventoras
Son os representantes das candidaturas perante unha mesa electoral. Exercen a súa función só perante a mesa na que están acreditados. Participa nas deliberacións da mesa con voz, pero sen voto.
Os interventores ou interventoras de cada candidatura acreditados perante a mesa poden substituírse entre si, poden formular reclamacións ou protestas ou pediren certificacións.
Poden exhibir emblemas ou adhesivos do partido que representan sen que isto sexa considerado propaganda electoral.
Votan na mesa ante a que están acreditados, aínda que non estean incluídos no censo electoral da mesma, a condición de que figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa mesa. En caso contrario só poderán votar por correo na mesa en cuxo censo estean inscritos. Apoderados ou apoderadas.
Son representantes dun partido en todos os actos e operacións electorais.
Poden acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o decorrer da votación e do escrutinio e formular reclamacións e queixas. Poden exhibir emblemas ou adhesivos do partido que representan sen que isto sexa considerado propaganda electoral.
Exercerán o seu dereito a voto na mesa onde estean censados.
Representantes da administración
Son as persoas designadas pola administración para recoller a información relativa á apertura das mesas, datos de participación e resultados electorais.
Esta información é transmitida ao organismo encargado de realizar o escrutinio provisional (Ministerio do Interior) para a súa difusión á cidadanía unha vez totalizados os datos.
Ofrecen asistencia á mesa electoral, sempre con carácter auxiliar e non forman parte dela e non poden participar nas súas deliberacións.
Urnas
En cada mesa electoral haberá unha urna para cada un dos procesos convocados.
Deben estar claramente identificadas. Para iso fixarase o sobre de votación correspondente ao proceso a celebrar na parte dianteira e traseira. Deben estar pechadas e precintadas.
No caso de rotura ou deterioración do precinto, a presidencia da mesa electoral, se non puider obter oportunamente outra urna da xunta electoral de zona, deberá asegurar o seu peche con calquera medio ó seu alcance.
Manual de persoas que compoñen a mesa
Coa notificación da designación como presidente ou presidenta e vogal das mesas entregarase un manual de instrucións para as persoas que compoñen as mesas electorais, supervisado pola xunta electoral central e aprobado por acordo do Consello de Ministros.
Lista do censo electoral da mesa
Entre a documentación electoral, cada mesa conta cunha lista dos electores e electoras censados na mesma.
Contará así mesmo cunha lista do rueiro da sección electoral á que pertence a mesa e o rango alfabético de iniciais do primeiro apelido dos electores e electoras que contén, para a súa exposición pública no local electoral.
Outra documentación electoral
Acta de constitución.
Actas de escrutinio.
Actas de sesión.
Lista numerada de votantes.
Recibo de entrega da documentación electoral.
Certificados de votación.
Talóns de interventores.
Cabina de votación e mesa auxiliar
A cabina deberá estar na mesma sala onde se realice a votación e nun lugar intermedio entre a entrada e a mesa. As papeletas colocaranse no seu interior (nos clasificadores) e nunha mesa auxiliar que estará situada preto dela. Sobres e papeletas electorais
Durante toda a xornada deberá haber un número suficiente de sobres e papeletas de todas as candidaturas que se presenten.
A presidencia deberá interromper a votación se observa a ausencia de papeletas para algunha candidatura, e retomala cando se lle faciliten.
Electores e electoras
Os españois e españolas maiores de idade inscritos no censo electoral de residentes en España e que non estean privados do dereito de sufraxio poderán votar nestas eleccións.
Os españois e españolas inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) e os residentes temporais no estranxeiro (ERTA) tamén poden votar.
A identificación do elector perante a mesa electoral faise por:
Documento Nacional de Identidade (DNI)
Pasaporte (con fotografía)
Permiso de conducir (con fotografía). Tamén válido a través da aplicación miDGT.