Reunión no local electoral
Ás 8 da mañá deben de estar presentes no local electoral todas as persoas que integran a mesa e os seus suplentes.
Estes últimos, unha vez constituída a mesa, se non tivesen que substituír a ningún titular, quedan exentos das súas obrigas podendo abandonar o local electoral.
PRESIDENTE
VOGAL 1
VOGAL 2
SUPLENTE
Que acontece se non presentan as persoas titulares nin as suplentes?
Se non se presenta o presidente ou presidenta nin os seus suplentes asumirá a presidencia o primeiro ou segundo vogal, que deberá de ser substituído na súa calidade de vogal por outro dos suplentes.
Se non é posible constituír a mesa antes das 10 da mañá, por non contar coas 3 persoas que esixe a lei, debe comunicarse a situación á xunta electoral de zona
Que pasa entón?
A xunta electoral de zona convocará unha nova votación nos dous días seguintes. A convocatoria fixarase na porta do local electoral e a xunta electoral designará novas persoas para integrar a mesa.
As persoas que integran a mesa poderán encontrar axuda no representante da Administración que desde primeira hora da mañá se encontrará no local.
Comprobación do material electoral
As persoas que integran a mesa comprobarán que se dispón do seguinte material:
Urnas de votación claramente identificadas. Para iso fixarase o sobre de votación correspondente ao proceso na súa parte dianteira e traseira. Deben estar pechadas e precintadas.
No caso de rotura ou deterioración do precinto, a presidencia da mesa, se non for posible obter outra urna, deberá asegurar o peche con calquera medio ó seu alcance.
Cabina de votación. Nun lugar intermedio entre a entrada e a mesa.
Sobres e papeletas. Debe haber un número suficiente de todas as candidaturas que se presenten para cada elección durante toda a xornada. Lista do censo de electores correspondente á mesa.
Actas de constitución, escrutinio e sesión.
Lista numerada de votantes. Anotarase nela o proceso ou procesos nos que vota cada persoa.
Certificados de votación para entregar aos votantes que o soliciten.
Copia dos nomeamentos (credenciais) dos interventores que actúen perante a mesa.
Copia dos nomeamentos (credenciais) dos electores inscritos no censo da mesa que actúen como interventores noutra mesa.
Xogo de sobres e recibos de entrega dos mesmos.
Cando a mesa non dispuxer dalgún destes elementos, deberá comunicalo decontado á xunta electoral de zona para proceder ó seu envío.
Comprobación de que o local electoral reúne as condicións adecuadas para a celebración da votación
Mesas, cadeiras, iluminación adecuada…
Recepción das credenciais dos interventores
Só poden actuar ante a mesa un máximo de dous interventores ou interventoras por cada candidatura
Diráselles que quedan recoñecidos pola mesa.
Incluirase o seu nome na acta de constitución da mesa.
Recibirán de volta os nomeamentos.
Elaboración da acta de constitución da mesa electoral
É única para todas as eleccións celebradas.
Poden solicitar unha copia os e as representantes de candidaturas, apoderados e apoderadas ou interventores e interventoras.
Só hai que presentar unha copia por candidatura.
A presidencia anunciará o comezo da votación coas palabras “comeza a votación”.
Os electores e electoras achegaranse á mesa de un en un.
Os e as vogais e os interventores ou interventoras comprobarán a súa identidade mediante o DNI, pasaporte ou permiso de conducir.
Aceptaranse estes documentos mesmo que estean caducados, pero deberán de ser orixinais, en caso ningún fotocopias.
O elector ou electora entregará o sobre de votación pechado á presidencia, que sen ocultalo en ningún momento e á vista do público pronunciará o nome do votante en voz alta e, engade “vota”, após ó cal lle entregará de novo o sobre ao elector ou electora, que será quen o introduza na urna.
Que ocorre se o elector ou electora non está na lista do censo?
Poderá votar na mesa:
No caso dos interventores ou interventoras acreditados perante a mesa, sempre que estean inscritos nesa circunscrición.
Cando presentar un dos seguintes documentos: Sentencia xudicial que recoñeza o seu dereito a estar inscrito no censo da Mesa. Certificación censual específica, expedida pola delegación provincial da oficina do censo electoral, que habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto nesa mesa.
Se unha persoa solicitou o voto por correo, non pode votar presencialmente na mesa (aparecerá unha letra “C” ao carón do seu nome na lista do censo, ou aparecerá nunha “relación de electores da mesa que solicitaron o voto por correo”)
Anotación dos votantes na lista numerada de votantes, co seu nome e apelidos e pola orde na que emitisen o voto.
A votación pode ser interrompida ou suspendida:
Interrupción da votación de menos de 1 hora:
Debe interromperse cando a mesa advirta a ausencia de papeletas dalgunha candidatura e non poida suplila mediante papeletas subministradas polos interventores/as ou apoderados/as da correspondente candidatura.
Neste caso, a presidencia da mesa comunicará telefonicamente este feito á xunta electoral de zona, que facilitará decontado as novas papeletas.
A interrupción non pode durar máis dunha hora a votación prorrogarase tanto tempo como estivese interrompida.
Suspensión da votación máis de 1 hora:
Poderá suspenderse por interrupción de máis dunha hora, ou por calquera causa que imposibilite a votación.
A presidencia, antes de tomar a decisión de suspender a votación, debe recabar o parecer de todas as persoas que integran a mesa e, se as circunstancias o permiten, debe consultar a xunta electoral de zona.
Unha vez adoptada a decisión de suspender a votación, a cal quedará reflectida nun escrito razoado, a presidencia ordenará a destrución de todas as papeletas depositadas ata o momento nas urnas e remitirá inmediatamente unha copia do citado escrito á xunta electoral provincial, quer en man quer por correo certificado.
Suspendida a votación nunha mesa, a Xunta Electoral de Zona convocará novas eleccións nesa mesa dentro dos días seguintes.
A presidencia anunciará en voz alta que vai concluír a votación. Posteriormente introducirá as papeletas de voto remitidas por correo.
A continuación, procédese ao voto das persoas que integran a mesa e interventores ou interventoras.
Sinatura da lista numerada de votante polos/polas vogais e interventores/as.
Escrutinio
Aberta a urna, a presidencia extraerá un a un os sobres, abriraos e lerá en voz alta as papeletas.
A presidencia mostrará cada papeleta, unha vez lida, a vogais, interventores/as e apoderados/as.
A mesa comprobará que o número de sobres coincide co de votantes anotados na lista numerada de electores.
A presidencia preguntará se hai algunha protesta ou reclamación.
Destrución das papeletas de votación en presenza dos asistentes, pero non deben ser destruídas as seguintes papeletas: Aqueles ás que lles fose denegada a validez. Aquelas que fosen obxecto dalgunha reclamación.
Coas papeletas que non sexan destruídas deberá facerse o seguinte: As persoas que integran a mesa porán a súa sinatura nelas. Uniranse á acta da sesión (unha vez redactada, ao remate do escrutinio). Incluirase na documentación electoral (no sobre nº 1)
Anuncio dos resultados da votación con indicación dos seguintes datos:
Electores censados
Certificados censuais achegados e de sentenzas, se for o caso.
Número de votantes.
Número de votos nulos.
Número de votos en branco.
Número de votos obtidos por cada candidatura
Cubrir a acta de escrutinio
Será asinada por quen preside a mesa, os/as vogais e os/as interventores das candidaturas. O orixinal colocarase na entrada do local. Entregar copias ás seguintes persoas e na seguinte orde:
En primeiro lugar ao/á representante da administración.
Despois aos/ás representantes da candidatura, interventores/as, apoderados/as ou candidatos/as que o solicitaren.
Só deberá entregarse unha copia da acta por cada candidatura.
Acta de sesión
Asinar as actas por quen presida a mesa, os/as vogais e os/as interventores das candidaturas.
Entregar copias aos/as representantes das candidaturas, apoderados/as, interventores/as e candidatos/as que o solicitaren.
Preparación e entrega da documentación electoral
Distribuír a documentación electoral en tres sobres
Sobre 1
Acta de constitución da mesa Acta de sesión. Documentos mencionados na acta de sesión: Lista numerada de votantes. Papeletas nulas ou que foron obxecto de reclamación. Listas do censo electoral empregadas. Certificacións censuais e/ou sentenzas xudiciais achegadas. Copias das credenciais dos interventores ou interventoras, ou as propias credenciais se non se recibiron as copias. Solicitudes de reintegro de gastos do voto por correo, se as houber.
Sobres 2 e 3
Copia da acta de constitución da mesa. Copia da acta de sesión.
Pechar os sobres e asinalos. As persoas que integran a mesa e os interventores ou interventoras porán as súas sinaturas neles, de forma que as mesmas crucen as solapas.
Entregar os sobres 1 e 2 no xulgado de primeira instancia ou de paz. Poderá ser acompañado por un ou unha vogal e os interventores ou interventoras que o desexaren.
As forzas e corpos de seguridade acompañarán e, se for preciso, facilitarán o desprazamento destas persoas.
O xuíz ou xuíza asinará o correspondente recibo (que debe constar entre a documentación da mesa).
Entregados os sobres 1 e 2 finalizan as funcións das persoas que integran a mesa que acudiron ao xulgado.
Entregar o sobre número 3
Un ou unha vogal debe permanecer no local ata que se efectúe a entrega ao servizo de correos, que asinará o correspondente recibo (que debe constar entre a documentación da mesa).
Entregado o sobre 3 finalizan as funcións da persoa integrante da mesa que permaneceu no local electoral.