Para o correcto desenvolvemento do proceso electoral tamén é fundamental a participación dun operador postal.
A Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, Sociedade Anónima, ten a condición de operador designado polo Estado para a prestación do servizo postal universal e o Goberno pode impoñerlle algunhas obrigas de servizo público, cando for necesario para velar polo normal desenvolvemento dos procesos electorais (artigo 22.5 da Lei 43/2010).
Esta imposición vense realizando nos últimos procesos por acordo do Consello de Ministros.
Son obrigas impostas nestes acordos aquelas actuacións que se deben realizar unha vez convocado o proceso e que resultan especialmente transcendentais para o seu decurso, pola urxencia e características dos envíos e pola relevancia que supón a custodia da documentación electoral.
Estas obrigas e actuacións refírense a:
O voto por correo a todos os electores e electoras que exerzan o seu dereito deste xeito, tanto desde España como desde o estranxeiro.
O voto do persoal embarcado, do persoal das Forzas Armadas embarcado ou en situacións excepcionais vinculadas á defensa nacional.
O voto dos internos e internas en centros penitenciarios.
Os envíos realizados pola Oficina do Censo Electoral.
Os envíos de propaganda electoral realizados polos partidos políticos.
A recollida da documentación electoral nas mesas electorais
A imposición destas obrigas debe estar suxeita a compensación, é dicir, as persoas implicadas no proceso electoral que utilicen os servizos postais non deben asumir directamente ningún custo. Isto non quere dicir que non teñan custo, xa que é o orzamento electoral o que o asume.