Voto por correo dende España

Como podo votar por correo se vivo en España?

Podes solicitar o voto por correo se resides en España ata o 13 de xullo, ben presencialmente na Oficina de Correos, cubrindo o impreso de solicitude dispoñible na oficina ou nesta mesma web desde o día da convocatoria das eleccións, ou ben por vía telemática en www.correos.es(Abrirase unha nova xanela) identificándote mediante Certificado dixital ou DNI electrónico e Autofirma.

É moi importante lembrar que, desde o momento de solicitude do voto por correo, cando esta for aceptada, xa non poderás votar presencialmente na mesa electoral o día das eleccións.

Na solicitude indicarás o enderezo postal ao que queres que se che envíe a documentación electoral (pode ser o teu lugar de traballo e mesmo un apartado postal).

A Oficina do Censo Electoral remitirache por correo certificado ao enderezo que indicaches a seguinte documentación:

Unha papeleta de cada unha das formacións políticas que se presenten a cada un dos procesos convocados.

Un sobre de votación para cada proceso.

O teu certificado de inscrición no censo.

Un sobre no que estará escrita a información da túa mesa electoral.

Unha folla explicativa do procedemento de votación.

Esta documentación debe ser recibida por ti persoalmente.

Unha vez recibida a documentación, elixe a papeleta de votación para cada proceso no queiras votar e métea no sobre de votación correspondente (ou non inclúas papeleta se queres votar en branco).

Introduce o sobre ou os sobres de votación e o certificado de inscrición no censo no sobre no que está escrito o enderezo da túa mesa electoral.

Lembra: non introduzas no sobre de votación ningún documento que acredite a túa identidade, pois neste caso o teu voto sería considerado nulo pola mesa.

Leva este sobre a unha oficina de Correos e envíao por correo certificado persoalmente, identificándote mediante DNI, pasaporte ou permiso de conducir, ata o día 20 de xullo no horario habitual das oficinas. Se non podes realizar a entrega persoalmente, deberás outorgar unha autorización asinada, achegando fotocopia do teu documento de identidade, para que outra persoa o faga no teu lugar. Este envío é gratuíto.

O día das eleccións o servizo de Correos enviará todos os sobres que conteñen os votos por correo ás mesas electorais ás 9 da mañá. Seguirá trasladando os envíos postais que se sigan recibindo ao longo do día, ata as 20:00 horas. A esa hora, unha vez finalizada a votación e antes do escrutinio, a mesa electoral introducirá na urna os sobres de votación recibidos por correo.